O día 23 de febreiro 60 alumnas e alumnos de 3º de ESO realizaron unha actividade, organizada pola nosa asociación, na que plantaron 60 cerdeiras.
A plantación fíxose nunha parcela, propiedade do concello de Carral e situada no polígono dos Capelos, ocupando unha superficie aproximada de 2500 m2. Actualmente ten unha parte plantada de castaños, piñeiros e froiteiras pero a maior parte está ocupada por silvas e toxos. O obxectivo é transformar a zona nun pequeno bosque para o uso das veciñas e veciños de Carral.
As plantas foron cedidas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.
As concellerías de Educación e Medio Ambiente colaboraron na organización e facendo unha rozadura previa do terreo coa maquinaria e persoal propios.
Tamén queremos agradecer ao Servizo de Protección Civil a súa axuda no desprazamentos do alumnado e durante a actividade.
O bo tempo acompañounos e os nenos e nenas traballaron con entusiasmo plantando, retirando lixo, polas e troncos. Co motivo da celebración do día de Rosalía léronse varios poemas.
Agradecemos o seu traballo e esperamos continuar contando coa súa colaboración no coidado destas árbores.