Celebración do día da árbore no IES de Carral

plantacion 2024

O día 22 deste mes celebramos o Día da Árbore cos alumnos do IES de Carral en colaboración co Concello de Carral. Participaron 50 alumnos de 3º de ESO nunha actividade que consistiu en plantar árbores e arbustos na parcela que o concello ten na zona do Quenllo na marxe do río Brexo.

É o terceiro ano consecutivo que facemos unha actividade deste tipo conxuntamente co IES de Carral. Este ano plantamos freixos, acivros, biuteiros, espiño albar, abeleiras e ruscos.

plantas no centro

As árbores foron doadas polos socios e participantes do proxecto Viveiro en Rede que iniciamos o ano anterior. Son plantas procedentes de sementes e estacas obtidas en zonas próximas. Os espiños albar foron doados por Fragas do Mandeo.

Na semana previa á plantación os exemplares seleccionados estiveron expostas no centro e alumnos de 1º de ESO realizaron actividades de recoñecemento de plantas.

Plantando

Membros de Protección Civil do Concello e o concelleiro de Participación Cidadá acompañaron aos alumnos nos seu desprazamento ata o lugar da plantación. Tamén contamos coa presenza e colaboración do alcalde, da concelleira de Educación e da concelleira de Medio Ambiente.

Con esta plantación aumentamos a diversidade e número de especies nunha zona da parcela na que levamos actuando desde o ano 2019.

Agradecemos ao profesorado e, especialmente, aos alumnos o entusiasmo e cariño con que participaron nesta actividade que esperamos continuar facendo nos seguintes anos.

Deixa unha resposta