
Colaboran

Concello de Abegondo

O pasado 3 de setembro organizamos unha actividade dirixida aos nenos e nenas que participaban no campamento de verán sobre medio ambiente e reciclaxe, organizado polo Concello de Carral.
Uns 20 nenos e nenas acompañados dos monitores achegáronse á Área Recreativa da Brexa onde aprenderon a identificar algunhas das árbores máis comúns da zona. Os máis novos realizaron manualidades coas follas e os maiores plantaron algúns exemplares desas especies.
Todos eles participaron con gran entusiasmo e esperamos que esta xornada aumentara o seu coñecemento, respeto e valoración do entorno natural.
O domingo 26 de xullo, pola tarde, un membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, dependente da Consellería de Medio Ambiente, levou a cabo a solta de dous exemplares de aves rapaces.
O feito, organizado pola asociación de Custodia do Territorio ”Brexa”, tivo como escenario o lugar de Vilamouro na parroquia de Tabeaio, concello de Carral.
Eran dous exemplares novos de aves rapaces, unha avelaiona (Strix aluco) e unha curuxa (Tyto alba), que foron recollidas preto daquí cando, probablemente, caeran do niño, e trasladadas ao Centro de Recuperación, onde permaneceron, ata que os veterinarios consideraron que xa estaban en condicións de facer vida autónoma.
Testemuñas, ademais do referido membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, membros da Asociación de Custodia do Territorio “Brexa” e un representante do Grupo Naturalista Habitat. No medio, tres nenos marabillados diante daqueles animaliños que saian dunha caixa de cartón e, despois, levantaban o vo.
Un pequeno acontecemento moi significativo polo que representa de coidado e protección da natureza. Desexámoslles unha longa vida en liberdade.
Na última asemblea acordouse elaborar un díptico informativo que nos axudase na difusión das actividades da asociación. Unha socia, Sabela Rodríguez, fixo o deseño que se pode descargar en formato pdf . Tamén se poden solicitar exemplares impresos por medio do correo electrónico.
Invitados pola Xunta Rectora da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común de Castelo o día 5/07/2020, celebramos unha xornada de convivencia na que participamos membros das dúas entidades.
O punto de encontro foi diante do polideportivo de Castelo, onde o presidente da Xunta Rectora, Jesús Ferreño, nos informou brevemente sobre a historia da comunidade e tamén sobre o seu funcionamento e os seus proxectos.
A continuación iniciamos un pequeno roteiro polos terreos da comunidade subindo pola ladeira do Monte Xalo, onde puidemos apreciar as novas plantacións de castiñeiros e unha das dúas mámoas situadas dentro do monte.
Regresamos pola beira do regato da Ouceira (afluente do río Brexa), que descende cunha pronunciada pendente formando unha zona de gran valor natural.
Ao remate da actividade acordamos organizarlles unha visita aos proxectos que temos en marcha e tamén estudar a posibilidade de colaborar no futuro nalgún proxecto de conservación, posiblemente na beira do regato da Ouceira.
Máis dun cento de colectivos, entre os que está esta asociación, presentaron un recurso fronte a Orde da Consellería de Medio Ambiente pola que se da continuidade á tramitación de case 1000 expedientes administrativos sobre proxectos con forte impacto ambiental durante o estado de alarma.
Podedes consultar o texto completo do recurso aquí.
Chasco, femia
Regato de Nilles, marzo 2019
Podes colaborar facéndote soci@ por unha cota mínima de 10 € ao ano que che dará dereito a un seguro de voluntariado valido para o ano en curso.
Un dos medios para conseguir a custodia é a compra de terreos con valor ecolóxico. As doazóns destinaranse exclusivamente para esa finalidade.
Se es propietari@ dun terreo podemos asinar un acordo de custodia ou asesorarte e axudarche a facer unha xestión ecolóxica.
O 16/02/2020 tivemos unha nova xornada de voluntariado no Muiño da Brexa, a primeira deste ano. Continuamos co desbroce do mato e corta de árbores caídas. Tamén se retiraron varias bolsas de lixo, principalmente plásticos.
Despois de varias xornadas temos preparados uns 300 m da ribeira e vimos a necesidade de repoñer árbores en algunhas zonas. Grazas a axuda de Daniela, a nosa socia máis nova, ao longo da mañá plantamos 25 freixos. Continuar lendo “Xornada de voluntariado no Muiño da Brexa”