Celebración do día da árbore no IES de Carral

plantacion 2024

O día 22 deste mes celebramos o Día da Árbore cos alumnos do IES de Carral en colaboración co Concello de Carral. Participaron 50 alumnos de 3º de ESO nunha actividade que consistiu en plantar árbores e arbustos na parcela que o concello ten na zona do Quenllo na marxe do río Brexo.

É o terceiro ano consecutivo que facemos unha actividade deste tipo conxuntamente co IES de Carral. Este ano plantamos freixos, acivros, biuteiros, espiño albar, abeleiras e ruscos.

plantas no centro

As árbores foron doadas polos socios e participantes do proxecto Viveiro en Rede que iniciamos o ano anterior. Son plantas procedentes de sementes e estacas obtidas en zonas próximas. Os espiños albar foron doados por Fragas do Mandeo.

Na semana previa á plantación os exemplares seleccionados estiveron expostas no centro e alumnos de 1º de ESO realizaron actividades de recoñecemento de plantas.

Plantando

Membros de Protección Civil do Concello e o concelleiro de Participación Cidadá acompañaron aos alumnos nos seu desprazamento ata o lugar da plantación. Tamén contamos coa presenza e colaboración do alcalde, da concelleira de Educación e da concelleira de Medio Ambiente.

Con esta plantación aumentamos a diversidade e número de especies nunha zona da parcela na que levamos actuando desde o ano 2019.

Agradecemos ao profesorado e, especialmente, aos alumnos o entusiasmo e cariño con que participaron nesta actividade que esperamos continuar facendo nos seguintes anos.

Alumnas e alumnos do IES de Carral plantan cerdeiras

Plantación nos Capelos

O día 23 de febreiro 60 alumnas e alumnos de 3º de ESO realizaron unha actividade, organizada pola nosa asociación, na que plantaron 60 cerdeiras.
A plantación fíxose nunha parcela, propiedade do concello de Carral e situada no polígono dos Capelos, ocupando unha superficie aproximada de 2500 m2. Actualmente ten unha parte plantada de castaños, piñeiros e froiteiras pero a maior parte está ocupada por silvas e toxos. O obxectivo é transformar a zona nun pequeno bosque para o uso das veciñas e veciños de Carral.
As plantas foron cedidas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.
As concellerías de Educación e Medio Ambiente colaboraron na organización e facendo unha rozadura previa do terreo coa maquinaria e persoal propios.
Tamén queremos agradecer ao Servizo de Protección Civil a súa axuda no desprazamentos do alumnado e durante a actividade.
O bo tempo acompañounos e os nenos e nenas traballaron con entusiasmo plantando, retirando lixo, polas e troncos. Co motivo da celebración do día de Rosalía léronse varios poemas.
Agradecemos o seu traballo e esperamos continuar contando coa súa colaboración no coidado destas árbores.

Plantando cerdeiras no Monte de Paleo

Plantación Bosque Paleo

O pasado 20 de xaneiro 50 alumnas e alumnos de 6º curso do colexio de Vicente Otero de Carral realizaron unha actividade de reforestación no Monte de Paleo, organizada pola nosa asociación.

A parcela está dentro da proposta de convenio de custodia co concello de Carral. Os alumnos foron camiñando desde o colexio ata a parcela onde plantaron unhas 100 cerdeiras de variedades autóctonas aportadas polo concello.

As concellerías de Educación, Medio Ambiente e Participación cidadá e o Servizo de Protección Civil colaboraron na organización da actividade.

Agradecemos ao alumnado o seu traballo neste novo proxecto que se inicia coa plantación e que terá que recibir nos próximos anos máis coidados ata conseguir un pequeno bosque para o desfrute de todos.

Convenio de colaboración co concello de Carral

Convenio 2021

O día 14 de setembro celebrouse una acto no que asinamos, xunto con outras entidades, un convenio de colaboración co concello de Carral.

Nos ultimos anos realizamos varias actividades de educación ambiental e de protección do medio ambiente e con este convenio consolidamos esta colaboración.

A nosa asociación comprométese a realizar actividades de protección do medio ambiente e de educación ambiental.

Asi mesmo o concello aportará, na medida das súas posibilidades, locais, equipamento municipal e asesoramento técnico e administrativo. Ademais aportará unha cantidade de 1000 € para os gastos das actividades.

Ver convenio

Actividade no campamento de verán

campamentoAgosto2021

Por segundo ano consecutivo colaboramos cos campamentos de verán do Concello de Carral nunha actividade con uns 60 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade.

Ao longo da mañá do 18 de agosto fixemos actividades de recoñecemento de árbores e de paxáros na Área Recreativa da Brexa . Rematamos cunha plantación de bidueiros que foron doados polo viveiro A Revolta.

Damos as grazas pola súa colaboración as monitoras, a Protección Civil, o Concello e ao viveiro a Revolta e felicitamos as nenas e nenos polo entusiasmo con que participaron na actividade.

ENIL do río Abelleira

muiño do BatánNo día 15 de febreiro saíu publicado no DOG o anuncio polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira.

O concello de Carral iniciou o proceso no ano 2015 e  comprende unha zona desde o castro das Travesas ata a desembocadura do río Barcés incluindo a zona de dominio público hidráulico e a zona de servidume do río Abelleira e os muíños do Batán.

Podes descargar o plan aquí.