
Recentemente asinamos un acordo de custodia dunha parcela, coñecida como o Feal, situada no lugar do Monte, parroquia de Cañás (concello de Carral).
A súa superficie é de 14000 m2 e está moi próxima ao río Barcés. Ten unha parte baixa moi húmida que está poboada por salgueiros e ameneiros. Na parte alta ten unha plantación de piñeiros e hai outras zonas de árbores froiteiras e de pradeira. Existen dúas edificacións de pedra, unha bodega semienterrada na que comprobamos que habitan morcegos e un estanque que almacena auga que continua por un rego que percorre a parcela.
No acordo de custodia establecimos que o obxectivo é manter e mellorar os valores naturais da parcela por medio da rexeneración natural da vexetación e da fauna. Nas últimas semanas tivemos varias xornadas de traballo con voluntarios para localizar exemplares de carballo que protexer para a creación dunha carballeira na zona máis alta da parcela.
Queremos agradecer á familia que asinou o acordo esta oportunidade para preservar unha zona cuns valores naturais moi importantes e que pode servir de modelo para outras parcelas en situación semellante.




















