Herbas de San Xoan 2026

Herbas de San Xoan 2026

O vindeiro sábado, 20 de xuño de 2026, faremos unha xornada adicada á popular tradición das herbas de San Xoan.

Durante esta xornada divulgativa falaremos das diferentes plantas que forman parte desta mestura tradicional, das súas propiedades e usos, así como dos rituais e crenzas asociados á noite máis máxica do ano en Galicia. A través da observación e da conversa, chegarémonos a un saber popular que combina natureza, cultura e identidade.

A actividade farémola en colaboración co Grupo Naturalista Habitat que nos aportan os expertos que nos guiaran no coñecemento desta plantas.

Nesta actividade NON recolleremos herbas, senón que aprenderemos a identificalas no seu medio natural, respectando os espazos e promovendo unha relación sostible coa contorna.

A actividade é gratuita e hai 20 prazas dispoñibles que se asignarán por orden de inscripción. A reserva será efectiva cando recibas confirmación no teu correo electrónico.

Se necesitas máis información escribe ao correo brexa.asociacion@gmail.com ou chama ao teléfono 698146685.

Enlace ao formulario de inscripción

Andaina de presentación do proxecto do Feal

andainaOFealMaio2026

Para o día 2 de maio organizamos unha andaina para presentar o proxecto de O Feal. Faremos unha ruta circular que terá o punto de partida no Polígono Industrial de Os Capelos (Tabeaio, Carral). Seguiremos pola beira do río Brexa e polo Camiño Inglés ata chegar a O Feal, na ribeira do río Barcés, onde faremos unha parada para visitar a parcela. Continuaremos ata Sarandóns e volveremos ao punto de partida.

O percorrido total é de 7 km de dificultade moderada. Os soci@s non teñen que pagar a inscrición pero é necesario confirmar asistencia.

Acceso ao formulario de inscrición.

Coidado de Castiñeiros en Bruma

Recentemente tivemos unha conversa co párroco da parroquia de Santa Mariña de Veira que nos expresou a súa preocupación sobre o estado de saúde duns castiñeiros centenarios que forman parte do adro da capela de San Lourenzo de Bruma.

castiñeirosBruma2026

Dous socios, Xan e Ricardo, desprazáronse ao lugar e comprobaron que as árbores estaban infectadas con chancro, unha enfermidade que afecta gravemente aos castiñeiros.

Decidimos organizar unha intervención o día 5 de Abril para mellorar o seu estado. Fixeron unha poda de chupóns e aplicaron pasta cicatrizante para a rexeneración de feridas causadas polas podas.

Infelizmente o chancro secou definitivamente un dos vellos exemplares que formaba parte deste singular grupo de árbores.

Rematado o traballo conversaron cos veciñ@s aos que lles agradecemos a axuda recibida. Tamén tiveron a ocasión de dar un agradable paseo acompañando @s pregrin@s que frecuentan esa zona.

Agardemos que estos coidados sirvan para alongar a vida a estas vellas testemuñas do camiño

O CEIP de Tabeaio celebra o Día da Árbore

O alumnado do CEIP de Tabeaio celebrou o día 23 de marzo o Día da Árbore cunha actividade organizada coa colaboración da Asociación Brexa e o Concello de Carral.

Día da árbore CEIP Tabeaio 2026

Participaron 19 nenas e nenos de 3 a 6 anos de idade, acompañados pola súas profesoras, que se desplazaron en autobús ao Parque dos Capelos . Alí plantaron un total de 15 cerdeiras de variedades autóctonas nunha zona na que, en cursos anteriores, xa se fixeran actividades semellantes cos alumnos do IES de Carral.

Despois da plantación participaron nunha actividade sobre polinizadores e sobre o ciclo das bolboretas . A continuación fixeron unha visita ao rio Brexo na zona do Muíño do Quenllo.

O alcalde, José Luís Fernández, e a técnica de Medio Ambiente, María Couto, xunto con outros traballadores do concello estiveron presentes ou colaboraron na actividade.

Concello de Carral

Xornada de Limpeza de Ríos

Fotos da actividade

Un ano máis representamos ao noso Concello na xornada de limpeza simultánea de ríos #MóllatePolosRíos, organizada por #adega, #Proxecto Ríos, #MITECO, #AugasdeGalicia, e, no noso caso, tamén coa axuda da Concellería de Medioambiente de Carral.
Este ano foron 59 concellos de toda Galicia os que se calzaron as botas e se aventuraron a recoller o lixo que, inexplicablemente, aínda podemos observar nos ríos de todo o país.
Pola nosa parte, xuntamos un saco de lixo dunha zona do Barcés que quedou limpa hai 2 anos e á que lle demos un repaso e retiramos especies invasoras, sobre todo Tradescantia Fluminensis, Croscosmia e unha poboación moi numerosa de Phytolacca americana. En total, quitamos case 250 quilos de invasoras e 10 quilos de lixo.
Desde este pequeno recuncho, facemos un chamamento ás autoridades medioambientais para que poñan en marcha plans integrais para a erradicación, ou polo menos a redución, desas masas que desprazan de xeito alarmante a flora autóctona con resultados como son a perda de calidade da auga, a erosión das marxes dos ríos ou o secado pequenos regatos que alimentan os ríos principais.

Outra plantación con alumnado de 3º de ESO do IES de Carral

actividade febreiro 2023

O día 9 de febreiro tivemos a segunda actividade deste ano con alumnos do IES de Carral, nesta ocasión con alumnado de 3º de ESO. A semana anterior traballaron na parcela dos Muiños do Quenllo, agora tocoulle a parcela do parque dos Capelos.

Con esta xornada damos continuidade ao proxecto iniciado o ano pasado con alumnos do mesmo centro que ten como obxectivo colaborar na educación en valores ambientais. Os nenos e nenas puideron gozar dunha xornada ao aire libre e ademais plantaron 30 cerdeiras e 40 bidueiros.
Aos poucos vemos como unha área abandonada se vai transformado nun parque forestal con especies autóctonas.
Agradecemos ao alumnado e profesorado do centro o traballo feito asi como as concellerías de medio ambiente e educación do concello de Carral que colaboraron na organización e na preparación da zona de plantación.
Tamén agradecemos a colaboración do viveiro A Revolta que nos doou os bidueiros.

Plantación de árbores autóctonos con alumnado de 4º de ESO do IES de Carral.

Plantación 09/02/2023

O día 2 de febreiro realizamos unha actividade con alumnado do 4º curso de ESO do IES de Carral que xa participara o febreiro do ano pasado nunha plantación de cerdeiras no parque dos Capelos. Este ano traballaron na parcela do Muíño do Quenllo, nunha superficie duns 1000 m2. Plantáronse freixos, avelairas, ameneiros, pradairos, carballos e acivros que foron cedidas por un socio e proceden de plantas silvestres collidas na contorna.
Agradecemos ao alumnado a súa participación e destacamos o entusiasmo e iniciativa con que realizaron o traballo que supón un mellora importante no estado da parcela. O concello de Carral colaborou por medio das concellerías de Medio Ambiente e Educación e do Servizo de Protección Civil.

XV Limpeza simultánea de ríos

mollateRios_25_09_2022

O pasado día 25 de setembro participamos na xornada de limpeza simultánea de ríos o domingo convocada polo Proxecto Ríos.

Coa colaboración de 15 voluntari@s traballamos na río Barcés na zona comprendida entre a ponte de Bordel e a ponte de Pontelago, nas parroquias de Sarandóns e Paleo.

Retiramos uns 100 kg de lixo composto por plásticos, neumáticos e tuberías.

Recolleronse exemplares da especie invasora phytolacca americana, que se estaba extendendo nunha zona da ribeira.

Contamos tamén coa colaboración da concellería de medio ambiente do Concello de Carral asi como da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Alumnas e alumnos do IES de Carral plantan cerdeiras

Plantación nos Capelos

O día 23 de febreiro 60 alumnas e alumnos de 3º de ESO realizaron unha actividade, organizada pola nosa asociación, na que plantaron 60 cerdeiras.
A plantación fíxose nunha parcela, propiedade do concello de Carral e situada no polígono dos Capelos, ocupando unha superficie aproximada de 2500 m2. Actualmente ten unha parte plantada de castaños, piñeiros e froiteiras pero a maior parte está ocupada por silvas e toxos. O obxectivo é transformar a zona nun pequeno bosque para o uso das veciñas e veciños de Carral.
As plantas foron cedidas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.
As concellerías de Educación e Medio Ambiente colaboraron na organización e facendo unha rozadura previa do terreo coa maquinaria e persoal propios.
Tamén queremos agradecer ao Servizo de Protección Civil a súa axuda no desprazamentos do alumnado e durante a actividade.
O bo tempo acompañounos e os nenos e nenas traballaron con entusiasmo plantando, retirando lixo, polas e troncos. Co motivo da celebración do día de Rosalía léronse varios poemas.
Agradecemos o seu traballo e esperamos continuar contando coa súa colaboración no coidado destas árbores.

Xornada divulgativa sobre anfibios

A noite do pasado sábado 19 tivo lugar unha xornada divulgativa sobre os anfibios da zona da Brexa. Estivo organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que tamén fixera unha xornada sobre avelaíñas na mesma zona o pasado mes de Agosto. Os ingresos por esta actividade doaraos a Brexa para nun futuro comprar algunha parcela degradada e transformala nun hábitat máis diverso.
Á cita acudiron 20 persoas que desfrutaron e aprenderon das explicacións dos membros do Grupo Naturalista Hábitat.
A noite foi un éxito xa que puidemos observar 8 das 8 especies de anfibios das que teñamos constancia que viven no contorno da Brexa:

  • Sapo Raxado
  • Sapo Común
  • Limpafontes común
  • Limpafontes palmeado
  • Píntega rabilonga
  • Píntega común
  • Ra Galaica
  • Ra patilonga

Dende aquí moitas grazas a asistentes e organizadores