Un ano máis representamos ao noso Concello na xornada de limpeza simultánea de ríos #MóllatePolosRíos, organizada por #adega, #Proxecto Ríos, #MITECO, #AugasdeGalicia, e, no noso caso, tamén coa axuda da Concellería de Medioambiente de Carral.
Este ano foron 59 concellos de toda Galicia os que se calzaron as botas e se aventuraron a recoller o lixo que, inexplicablemente, aínda podemos observar nos ríos de todo o país.
Pola nosa parte, xuntamos un saco de lixo dunha zona do Barcés que quedou limpa hai 2 anos e á que lle demos un repaso e retiramos especies invasoras, sobre todo Tradescantia Fluminensis, Croscosmia e unha poboación moi numerosa de Phytolacca americana. En total, quitamos case 250 quilos de invasoras e 10 quilos de lixo.
Desde este pequeno recuncho, facemos un chamamento ás autoridades medioambientais para que poñan en marcha plans integrais para a erradicación, ou polo menos a redución, desas masas que desprazan de xeito alarmante a flora autóctona con resultados como son a perda de calidade da auga, a erosión das marxes dos ríos ou o secado pequenos regatos que alimentan os ríos principais.