Avistamento de Avelaíñas

Hábitat Protexe

O día 12 de Agosto de 22:00 a 1:00 tivo lugar unha actividade de observación de avelaíñas organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e coa asistencia dunhas 20 persoas.

Manu Cernadas e Elia Pérez, naturalistas coñecedores destes insectos, montaron un sistema de observación consistente nun foco e pantallas para atraer a estes insectos.

Os asistentes puideron observar e recoñecer as características de moitas especies de avelaíñas presentes na zona. Ademais puidemos informarnos da importancia destes insectos como polinizadores e como indicadores da saúde medioambiental.

O diñeiro recadado na actividade foi doado á nosa asociación para actividades de custodia.

Agradecemos ao Grupo Naturalista Hábitat tanto a organización da actividade como a súa xenerosa doazón.

O Grupo Naturalista Hábitat socio de Brexa

O Grupo Naturalista Hábitat é unha das asociacións conservacionistas  máis importante de Galiza. Ten a súa sede na Coruña e fundouse no ano 1979.

Desde hai algún tempo recibimos asesoramento de socios de Hábitat na protección de anfibios. Despois dunhas conversas cos socios Manuel Cernadas e Elia Pérez decidimos avanzar na colaboración en futuros proxectos. Asi mesmo Hábitat acordou solicitar o ingreso en Brexa e desde este ano é socio da nosa asociación.

Damos a benvida a Hábitat e temos a certeza de que a súa axuda vai supor un impulso para os noso traballo.

Solta de aves rapaces no regato de Nilles

O domingo 26 de xullo, pola tarde, un membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, dependente da Consellería de Medio Ambiente, levou a cabo a solta de dous exemplares de aves rapaces.

O feito, organizado pola asociación de Custodia do Territorio ”Brexa”, tivo como escenario o lugar de Vilamouro na parroquia de Tabeaio, concello de Carral.

Eran dous exemplares novos de aves rapaces, unha avelaiona (Strix aluco) e unha curuxa (Tyto alba), que foron recollidas preto daquí cando, probablemente, caeran do niño, e trasladadas ao Centro de Recuperación, onde permaneceron, ata que os veterinarios consideraron que xa estaban en condicións de facer vida autónoma.

Testemuñas, ademais do referido membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, membros da Asociación de Custodia do Territorio “Brexa” e un representante do Grupo Naturalista Habitat. No medio, tres nenos marabillados diante daqueles animaliños que saian dunha caixa de cartón e, despois, levantaban o vo.

Un pequeno acontecemento moi significativo polo que representa de coidado e protección da natureza. Desexámoslles unha longa vida en liberdade.