O domingo 26 de xullo, pola tarde, un membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, dependente da Consellería de Medio Ambiente, levou a cabo a solta de dous exemplares de aves rapaces.
O feito, organizado pola asociación de Custodia do Territorio ”Brexa”, tivo como escenario o lugar de Vilamouro na parroquia de Tabeaio, concello de Carral.
Eran dous exemplares novos de aves rapaces, unha avelaiona (Strix aluco) e unha curuxa (Tyto alba), que foron recollidas preto daquí cando, probablemente, caeran do niño, e trasladadas ao Centro de Recuperación, onde permaneceron, ata que os veterinarios consideraron que xa estaban en condicións de facer vida autónoma.
Testemuñas, ademais do referido membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, membros da Asociación de Custodia do Territorio “Brexa” e un representante do Grupo Naturalista Habitat. No medio, tres nenos marabillados diante daqueles animaliños que saian dunha caixa de cartón e, despois, levantaban o vo.
Un pequeno acontecemento moi significativo polo que representa de coidado e protección da natureza. Desexámoslles unha longa vida en liberdade.