O domingo 25 de Abril celebramos o Día da Nai Terra cunha plantación de árbores autóctonas na parcela do Muiño da Brexa.
As árbores,suministradas pola Reserva das Mariñas, son de acivro, bidueiro, avelaira, pradairo, castiñeiro e carballo e organizamos a actividade en colaboración co concello de Carral.
O mal tempo impediu a asistencia da maioría dos voluntarios. A pesares diso os 8 participantes puideron plantar os 50 exemplares de acibros, carballos, freixos e aveleiras que foron aportados pola Reserva das Mariñas.
Despois da plantación fixemos un percorrido pola parcela para que os participantes puideron apreciar a mellora do estado da parcela despois de 2 anos de traballo.
Ademáis da plantación no día 25 a concellería de Medio Ambiente colaborou co desbroce dunha zona contigua da parcela, actualmente en estado de abandono, para facilitar a plantación de máis árbores autóctonas e protexer as que están medrando de forma natural.
Colabora:
Percorrido polo polo Rego Dorca
O pasado sábado día 13 fumos a visitar o nacemento do Rego Dorca que despois se fusionará con varios pequenos regatos da zona do Gustovedro e o Xalo no Rego da Ponte Antiga, unha das arterias principais que forman o nacemento do Río Barcés .
A pesar do importante deterioro que o Xalo sufriu a partires da década dos 80, aínda quedan pequenas mostras de aquelas grandes turbeiras e manantiais que regaban os abondosos campos de cereal que convivían armoniosamente con piñeirais, zonas de carballeira, prados, bestas bravas, lobos, gatos monteses, e centos de pedras con lendas que @s maiores da zona nos transmitiron a moit@s de nós.
De mostra poñemosvos unhas fotos de uns narcisos silvestres (Narcissus bulbocodium) e unha das moitas lavercas (alauda arvensis) que nos deleitaron cos seus cantos e acrobacias aéreas.
ENIL do río Abelleira
No día 15 de febreiro saíu publicado no DOG o anuncio polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira.
O concello de Carral iniciou o proceso no ano 2015 e comprende unha zona desde o castro das Travesas ata a desembocadura do río Barcés incluindo a zona de dominio público hidráulico e a zona de servidume do río Abelleira e os muíños do Batán.
Podes descargar o plan aquí.
O Grupo Naturalista Hábitat socio de Brexa
O Grupo Naturalista Hábitat é unha das asociacións conservacionistas máis importante de Galiza. Ten a súa sede na Coruña e fundouse no ano 1979.
Desde hai algún tempo recibimos asesoramento de socios de Hábitat na protección de anfibios. Despois dunhas conversas cos socios Manuel Cernadas e Elia Pérez decidimos avanzar na colaboración en futuros proxectos. Asi mesmo Hábitat acordou solicitar o ingreso en Brexa e desde este ano é socio da nosa asociación.
Damos a benvida a Hábitat e temos a certeza de que a súa axuda vai supor un impulso para os noso traballo.
Xornada no Muiño da Brexa
As restricións debidas á pandemia impediron a convocatoria normal de xornadas de traballo voluntario durante os últimos meses. Con todo continuamos traballando en pequenos grupos e mantendo as medidas de seguridade e respectando as normas.
Como se pode ver nas fotos chegamos á zona do muiño e ao extremo da parcela que linda coa N550.
Se a situación mellora temos como obxectivo completar unha primeira fase de limpeza antes do verán.
Mollate polos Ríos 2020
O pasado celebrouse a xornada de limpeza simultánea de ríos organizada polo Proxecto Ríos. 42 voluntarios participaron na nosa convocatoria limpando dúas zonas do río Barcés. Unha delas un tramo de 800 m augas abaixo da ponte de Chamoso. O outro tramo, entre a ponte Damil e o Muiño das Cabras, corresponde ao paso polas parroquias de Vigo (Carral) na marxe esquerda e Abegondo e Mabegondo pola marxe dereita. Tamén se traballou no regato de Brea na parroquia de Abegondo.
Recolléronse residuos de todo tipo das augas do río e das súas veiras. En total retiráronse 12 neumáticos, algúns de gran tamaño. Tamén se eliminou unha escombreira cerca do Muiño das Cabras e traballouse en outras na ponte Damil e na zona de Barcia.
Agradecemos o traballo das voluntarias e voluntarios, especialmente das 8 nenas e nenos que participaron.
Tamén colaboraron os concellos de Carral e Abegondo que se encargaron de retirar o lixo recollido e axudaron a difundir a convocatoria.
Colaboran
Concello de Abegondo
Concello de Carral
Galería de fotos
XIII Limpeza simultánea de ríos
Por 3º ano consecutivo participamos na xornada de limpeza simultánea de ríos organizada polo Proxecto Ríos e convocada para o domingo, 27 de setembro.
O ano pasado traballamos no río Barcés nunha zona comprendida entre a Ponte de Amil é a Ponte das Cabras nas parroquias de Cañás e San Vicente de Vigo na súa marxe esquerda e as de Figueroa e Abegondo pola dereita.
O obxectivo é retirar do río a maior cantidade posible de residuos polo que os participantes deberán traer botas, luvas e roupa apropiadas. Podedes consultar o Protocolo de Limpeza nesta ligazón.
Poden participar menores sempre que veñan acompañados.
Os voluntarios poden poñerse en contacto por medio do:
correo electrónico: brexa.asociacion@gmail.com
teléfono: 644 18 3447
Colaboran
Concello de Abegondo
Concello de Carral
Plantando árbores na Área Recreativa da Brexa
O pasado 3 de setembro organizamos unha actividade dirixida aos nenos e nenas que participaban no campamento de verán sobre medio ambiente e reciclaxe, organizado polo Concello de Carral.
Uns 20 nenos e nenas acompañados dos monitores achegáronse á Área Recreativa da Brexa onde aprenderon a identificar algunhas das árbores máis comúns da zona. Os máis novos realizaron manualidades coas follas e os maiores plantaron algúns exemplares desas especies.
Todos eles participaron con gran entusiasmo e esperamos que esta xornada aumentara o seu coñecemento, respeto e valoración do entorno natural.
Solta de aves rapaces no regato de Nilles
O domingo 26 de xullo, pola tarde, un membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, dependente da Consellería de Medio Ambiente, levou a cabo a solta de dous exemplares de aves rapaces.
O feito, organizado pola asociación de Custodia do Territorio ”Brexa”, tivo como escenario o lugar de Vilamouro na parroquia de Tabeaio, concello de Carral.
Eran dous exemplares novos de aves rapaces, unha avelaiona (Strix aluco) e unha curuxa (Tyto alba), que foron recollidas preto daquí cando, probablemente, caeran do niño, e trasladadas ao Centro de Recuperación, onde permaneceron, ata que os veterinarios consideraron que xa estaban en condicións de facer vida autónoma.
Testemuñas, ademais do referido membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, membros da Asociación de Custodia do Territorio “Brexa” e un representante do Grupo Naturalista Habitat. No medio, tres nenos marabillados diante daqueles animaliños que saian dunha caixa de cartón e, despois, levantaban o vo.
Un pequeno acontecemento moi significativo polo que representa de coidado e protección da natureza. Desexámoslles unha longa vida en liberdade.
Díptico
Na última asemblea acordouse elaborar un díptico informativo que nos axudase na difusión das actividades da asociación. Unha socia, Sabela Rodríguez, fixo o deseño que se pode descargar en formato pdf . Tamén se poden solicitar exemplares impresos por medio do correo electrónico.