XV Limpeza simultánea de ríos

mollateRios_25_09_2022

O pasado día 25 de setembro participamos na xornada de limpeza simultánea de ríos o domingo convocada polo Proxecto Ríos.

Coa colaboración de 15 voluntari@s traballamos na río Barcés na zona comprendida entre a ponte de Bordel e a ponte de Pontelago, nas parroquias de Sarandóns e Paleo.

Retiramos uns 100 kg de lixo composto por plásticos, neumáticos e tuberías.

Recolleronse exemplares da especie invasora phytolacca americana, que se estaba extendendo nunha zona da ribeira.

Contamos tamén coa colaboración da concellería de medio ambiente do Concello de Carral asi como da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

XVIII Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos

Encontro Voluntario 2022

A nosa asociación participa, desde o ano 2018, nas campañas de Limpeza Simultánea de Ríos organizadas por Proxecto Ríos.
Esta asociación tamén organiza anualmente un Encontro de Voluntariado e este ano decidiron celebralo, en colaboración con nos, o día 2 de xullo.
Os 14 participantes realizaron un percorrido ao longo do rio Brexo, na parcela dos Muiños da Brexa que temos en custodia.
Aproveitouse a ocasión para facer traballos de mantemento, limpeza e eliminación de plantas invasoras.
Rematamos a actividade cun pequeno xantar de convivencia onde se continuaron comentando as posibilidades que a custodia fluvial ofrece para a conservación dos ríos.

Programa de actividades:
10:30 Encontro no Polígono Os Capelos, no concello de Carral.
11:30 Baixada ao río Brexa, pequeno roteiro e actividades de mantemento.
12:30 Visita á área recreativa do río Brexa.
14:00 Xantar comunitario a cargo do Proxecto Ríos.
15:30 Remate da Encontro de Voluntariado.


Alumnas e alumnos do IES de Carral plantan cerdeiras

Plantación nos Capelos

O día 23 de febreiro 60 alumnas e alumnos de 3º de ESO realizaron unha actividade, organizada pola nosa asociación, na que plantaron 60 cerdeiras.
A plantación fíxose nunha parcela, propiedade do concello de Carral e situada no polígono dos Capelos, ocupando unha superficie aproximada de 2500 m2. Actualmente ten unha parte plantada de castaños, piñeiros e froiteiras pero a maior parte está ocupada por silvas e toxos. O obxectivo é transformar a zona nun pequeno bosque para o uso das veciñas e veciños de Carral.
As plantas foron cedidas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.
As concellerías de Educación e Medio Ambiente colaboraron na organización e facendo unha rozadura previa do terreo coa maquinaria e persoal propios.
Tamén queremos agradecer ao Servizo de Protección Civil a súa axuda no desprazamentos do alumnado e durante a actividade.
O bo tempo acompañounos e os nenos e nenas traballaron con entusiasmo plantando, retirando lixo, polas e troncos. Co motivo da celebración do día de Rosalía léronse varios poemas.
Agradecemos o seu traballo e esperamos continuar contando coa súa colaboración no coidado destas árbores.

Xornada divulgativa sobre anfibios

A noite do pasado sábado 19 tivo lugar unha xornada divulgativa sobre os anfibios da zona da Brexa. Estivo organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que tamén fixera unha xornada sobre avelaíñas na mesma zona o pasado mes de Agosto. Os ingresos por esta actividade doaraos a Brexa para nun futuro comprar algunha parcela degradada e transformala nun hábitat máis diverso.
Á cita acudiron 20 persoas que desfrutaron e aprenderon das explicacións dos membros do Grupo Naturalista Hábitat.
A noite foi un éxito xa que puidemos observar 8 das 8 especies de anfibios das que teñamos constancia que viven no contorno da Brexa:

  • Sapo Raxado
  • Sapo Común
  • Limpafontes común
  • Limpafontes palmeado
  • Píntega rabilonga
  • Píntega común
  • Ra Galaica
  • Ra patilonga

Dende aquí moitas grazas a asistentes e organizadores

Plantando cerdeiras no Monte de Paleo

Plantación Bosque Paleo

O pasado 20 de xaneiro 50 alumnas e alumnos de 6º curso do colexio de Vicente Otero de Carral realizaron unha actividade de reforestación no Monte de Paleo, organizada pola nosa asociación.

A parcela está dentro da proposta de convenio de custodia co concello de Carral. Os alumnos foron camiñando desde o colexio ata a parcela onde plantaron unhas 100 cerdeiras de variedades autóctonas aportadas polo concello.

As concellerías de Educación, Medio Ambiente e Participación cidadá e o Servizo de Protección Civil colaboraron na organización da actividade.

Agradecemos ao alumnado o seu traballo neste novo proxecto que se inicia coa plantación e que terá que recibir nos próximos anos máis coidados ata conseguir un pequeno bosque para o desfrute de todos.

Convenio de colaboración co concello de Carral

Convenio 2021

O día 14 de setembro celebrouse una acto no que asinamos, xunto con outras entidades, un convenio de colaboración co concello de Carral.

Nos ultimos anos realizamos varias actividades de educación ambiental e de protección do medio ambiente e con este convenio consolidamos esta colaboración.

A nosa asociación comprométese a realizar actividades de protección do medio ambiente e de educación ambiental.

Asi mesmo o concello aportará, na medida das súas posibilidades, locais, equipamento municipal e asesoramento técnico e administrativo. Ademais aportará unha cantidade de 1000 € para os gastos das actividades.

Ver convenio

XIV Limpeza simultánea de ríos

Mollate polos ríos

O pasado domingo 26 de setembro participamos, por 4º ano consecutivo, nunha nova xornada de Limpeza simultánea de ríos.

Participaron 35 voluntarias e voluntarios en tres zonas do río Barcés e Brexo.

Un dos grupos percorreu o río Barcés entre a ponte das Cabras e a traída de augas, nas parroquias de Cañás e Abegondo, continuando o traballo feito en anos anteriores.

Outro grupo traballou na zona entre Pontelago e o Bordón nas parroquias de Quembre, Sarandóns e Paleo, continuando tamén o traballo de anos anteriores.

O 3º grupo, formado sobre todo por nenas e nenos traballou no río Brexa dentro da parcela do Muiño do Quenllo que temos en custodia.

En total limpamos case 2 km de río e retiramos uns 100 kg de lixo da canle dos ríos e das beiras do río.

Agradecemos a colaboración do concello de Carral na organización da xornada e tamén a axuda do servizo de Protección Civil.

GALERÍA DE FOTOS

Actividade no campamento de verán

campamentoAgosto2021

Por segundo ano consecutivo colaboramos cos campamentos de verán do Concello de Carral nunha actividade con uns 60 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade.

Ao longo da mañá do 18 de agosto fixemos actividades de recoñecemento de árbores e de paxáros na Área Recreativa da Brexa . Rematamos cunha plantación de bidueiros que foron doados polo viveiro A Revolta.

Damos as grazas pola súa colaboración as monitoras, a Protección Civil, o Concello e ao viveiro a Revolta e felicitamos as nenas e nenos polo entusiasmo con que participaron na actividade.

Avistamento de Avelaíñas

Hábitat Protexe

O día 12 de Agosto de 22:00 a 1:00 tivo lugar unha actividade de observación de avelaíñas organizada polo Grupo Naturalista Hábitat e coa asistencia dunhas 20 persoas.

Manu Cernadas e Elia Pérez, naturalistas coñecedores destes insectos, montaron un sistema de observación consistente nun foco e pantallas para atraer a estes insectos.

Os asistentes puideron observar e recoñecer as características de moitas especies de avelaíñas presentes na zona. Ademais puidemos informarnos da importancia destes insectos como polinizadores e como indicadores da saúde medioambiental.

O diñeiro recadado na actividade foi doado á nosa asociación para actividades de custodia.

Agradecemos ao Grupo Naturalista Hábitat tanto a organización da actividade como a súa xenerosa doazón.