Estatutos da Asociación

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN DE CUSTODIA DO TERRITORIO DE CARRAL “BREXA”

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º.- 1.- Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación “ASOCIACIÓN DE CUSTODIA DO TERRITORIO DE CARRAL “BREXA””.
2.- A asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.- O domicilio principal e permanente da asociación radicará na localidade de Carral (A Coruña), rúa de Costa do Pincho, nº 47, 5º D, C.P. 15175, teléfono 658417854, correo electrónico brexa.asociacion@gmail.com.

Artigo 3º.- A asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 4º.- 1.-A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade das persoas asociadas expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.
2.- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º.- A efectos destes estatutos, enténdese a custodia do territorio no sentido expresado pola lei 121/000140 de Patrimonio Natural y de la Biodiversidad: “Custodia del territorio: conjunto de estrategias o técnicas jurídicas a través de las cuales se implican a los propietarios y usuarios del territorio en la conservación y uso de los valores y los recursos naturales, culturales y paisajísticos”.
1.- Son fins principais da asociación:
a.-A conservación e recuperación do patrimonio natural utilizando como instrumento principal a Custodia do Territorio.
b.-Difundir e fomentar a Custodia do Territorio entre os axentes implicados e a sociedade en xeral, facéndoos partícipes da xestión sostible do territorio.
2.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organizar as seguintes actividades:
a.-Investigación científica: identificación de zonas e especies prioritarias.
b.-Acceso á xestión do territorio mediante a adquisición de terreos ou dos seus dereitos de xestión, alugueres e/ou formalización de acordos de custodia.
c.-Seguimento e avaliación das especies e espazos prioritarios.
d.-Realización de congresos, cursos, xornadas, etc…
Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre as persoas asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II
DAS PERSOAS ASOCIADAS

Artigo 6º.
1- Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro que teñan interese no desenvolvemento dos fins da asociación.
2.-Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito (serviría por correo electrónico) da persoa que desexa ser admitida.

Artigo 7º.- Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de persoas asociadas:

a) Fundadores e fundadoras, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
b) Numerarios e numerarias, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
c) Honorarios e honorarias, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.

Artigo 8º.
1.-A condición de persoa asociada pérdese:
1. Por vontade propia.
2. Por falta de pago de 4 cotas.
3. Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia da persoa interesada.
4. Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
2.-A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 9º.- As persoas asociadas teñen os seguintes dereitos:
1. Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exercer o dereito de voto, así como asistir á Asemblea xeral, de acordo cos estatutos.
2. Ser informadas da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, so seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
3. Ser oídas con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra elas e ser informadas dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
4. Impugnar os acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.
Os asociados e asociadas honorarios están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:
1. Compartir as finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
2. Pagar as cotas que se establezan.
3. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
4.-Pagar as cotas dos seguros para o traballo de campo.
4. Acatar e cumprir os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
5. Acatar o contido dos estatutos.

CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 11º.- A dirección e administración da asociación serán exercidas por unha presidencia, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 12º.
1.- A persoa que exerza a presidencia da asociación será designada pola Asemblea Xeral entre os asociados e asociadas, e o seu mandato durará 2 anos. Será asistido nas súas funcións por unha vicepresidencia, que a substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.
2.- A presidencia terá as seguintes atribucións:
a) Representar a asociación perante calquera organismo público ou privado.
b) Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c) Executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d) Ordenar os pagamentos acordados validamente.
e) Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto coa persoa que ocupe a secretaria ou o membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13º.
1.- A Xunta Directiva estará formada pola persoa que ocupe a presidencia da asociación, unha persoa que ocupe a vicepresidencia, unha persoa que ocupe a secretaría, unha persoa que ocupe a tesourería e 2 vocais.(1)
2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.

3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixir os cargos da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de 2 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.
4.- Os cargos cesarán na súa función por:
a) falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
b) renuncia voluntaria.
c) transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d) acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 das persoas asociadas reunidas en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.
A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor ou sucesora.
As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións da presidencia, secretaría e tesourería.

Artigo 14º.- A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
1. Programar e dirixir as actividades asociativas.
2. Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
4. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para as persoas asociadas.
6. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novas persoas asociadas.
9. Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da asociación.

Artigo 15º.
1.- A Xunta Directiva será convocada pola presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.
2.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, da persoa que ocupe a presidencia ou vicepresidencia e a persoa que ocupe a secretaría ou a persoa que o substitúa.
A secretaría ou, no seu defecto, a persoa vocal que a substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 16º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de persoas asociadas que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos súas respectivas presidencias.

Artigo 17º.- A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por tódolos integrantes desta. As persoas que ocupan a presidencia e a secretaría da asemblea serán as persoas que ocupen a presidencia e a secretaría da Xunta Directiva.

Artigo 18º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios e socias. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido á presidencia, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19º.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o mes de xaneiro ata o de marzo Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas por correo electrónico con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.

Artigo 20º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1. Aprobar o plan de actividades.
2. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
3. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
4. Exame e aprobación das cotas.

Artigo 21º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1. Modificar os estatutos da asociación.
2. Elixir e cesar os integrantes da Xunta Directiva.
3. Aprobar a federación con outras asociacións.
4. Acordar a disolución da asociación.
5. Designar os/as liquidadores/as.
6. Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
7. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
8. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
9. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
10. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 22º. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un das persoas asociadas na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza da persoa que ocupa a presidencia ou a que ocupa a vicepresidencia e a persoa que ocupa a secretaría ou a persoa que a substitúa.

Artigo 23º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou as persoas representadas, excepto os relativos ós apartados do 1 ó 7 do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ó libro de actas e asinarao o/a presidente/a, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 24º.- Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o/a presidente/a. Seguidamente procederase por parte do/a secretario/a á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.
Posteriormente, a secretaría procederá a presentar a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 25º.- Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26º.- 1. A secretaría recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente. A secretaría tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa que ocupa a secretaria, a presidencia designará entre os/as vocais a un/unha que desenvolva esta función.

Artigo 27º.- 1. A tesourería recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida a presidencia, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como as contas de resultados e balances.
2. A tesourería ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da asemblea ordinaria.

Artigo 28º.- As persoas vocais terán as seguintes atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 29º.- A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 0 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 30º.- A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será elaborado pola tesourería da asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 31º.- A asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 32º.- A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da asociación.

Artigo 33º.- Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 34º.- Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta da persoa que ocupa a presidencia e a que ocupa a tesourería.

Artigo 35º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.

CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 36º.- O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 37º.- Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas 2/3 partes das persoas asociadas. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 38º.- A asociación disolverase voluntariamente por acordo das persoas asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 39º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, procederán para efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 40º.- O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.

(1) No caso de que a Xunta Directiva se compoña de menos membros, debe adaptarse este artigo e os seguintes que fan referencia a competencias destes membros (vicepresidente, tesoureiro, vocais…).