Percorrido polo polo Rego Dorca

O pasado sábado día 13 fumos a visitar o nacemento do Rego Dorca que despois se fusionará con varios pequenos regatos da zona do Gustovedro e o Xalo no Rego da Ponte Antiga, unha das arterias principais que forman o nacemento do Río Barcés .
A pesar do importante deterioro que o Xalo sufriu a partires da década dos 80, aínda quedan pequenas mostras de aquelas grandes turbeiras e manantiais que regaban os abondosos campos de cereal que convivían armoniosamente con piñeirais, zonas de carballeira, prados, bestas bravas, lobos, gatos monteses, e centos de pedras con lendas que @s maiores da zona nos transmitiron a moit@s de nós.
De mostra poñemosvos unhas fotos de uns narcisos silvestres (Narcissus bulbocodium) e unha das moitas lavercas (alauda arvensis) que nos deleitaron cos seus cantos e acrobacias aéreas.

ENIL do río Abelleira

muiño do BatánNo día 15 de febreiro saíu publicado no DOG o anuncio polo que se somete a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Río Abelleira.

O concello de Carral iniciou o proceso no ano 2015 e  comprende unha zona desde o castro das Travesas ata a desembocadura do río Barcés incluindo a zona de dominio público hidráulico e a zona de servidume do río Abelleira e os muíños do Batán.

Podes descargar o plan aquí.

O Grupo Naturalista Hábitat socio de Brexa

O Grupo Naturalista Hábitat é unha das asociacións conservacionistas  máis importante de Galiza. Ten a súa sede na Coruña e fundouse no ano 1979.

Desde hai algún tempo recibimos asesoramento de socios de Hábitat na protección de anfibios. Despois dunhas conversas cos socios Manuel Cernadas e Elia Pérez decidimos avanzar na colaboración en futuros proxectos. Asi mesmo Hábitat acordou solicitar o ingreso en Brexa e desde este ano é socio da nosa asociación.

Damos a benvida a Hábitat e temos a certeza de que a súa axuda vai supor un impulso para os noso traballo.

Xornada no Muiño da Brexa

As restricións debidas á pandemia impediron a convocatoria normal de xornadas de traballo voluntario durante os últimos meses. Con todo continuamos traballando en pequenos grupos e mantendo as medidas de seguridade e respectando as normas.

Como se pode ver nas fotos chegamos á zona do muiño e ao extremo da parcela que linda coa N550.

Se a situación mellora temos como obxectivo completar unha primeira fase de limpeza antes do verán.

XIII Limpeza simultánea de ríos

Cartaz Mollate RiosPor 3º ano consecutivo participamos na xornada de limpeza simultánea de ríos organizada polo Proxecto Ríos e convocada para o domingo, 27 de setembro.

O ano pasado traballamos no río Barcés nunha zona comprendida entre a Ponte de Amil é a Ponte das Cabras nas parroquias de Cañás e San Vicente de Vigo na súa marxe esquerda e as de Figueroa e Abegondo pola dereita.

O obxectivo é retirar do río a maior cantidade posible de residuos polo que os participantes deberán traer botas, luvas e roupa apropiadas. Podedes consultar o Protocolo de Limpeza nesta ligazón.
Poden participar menores sempre que veñan acompañados.

Os voluntarios poden poñerse en contacto por medio do:

correo electrónico: brexa.asociacion@gmail.com

teléfono: 644 18 3447

Colaboran

Concello de Abegondo

Concello de Carral

Plantando árbores na Área Recreativa da Brexa

O pasado 3 de setembro  organizamos unha actividade dirixida aos nenos e nenas que participaban no campamento de verán sobre medio ambiente e reciclaxe, organizado polo Concello de Carral.

Uns 20 nenos  e nenas acompañados dos monitores achegáronse á Área Recreativa da Brexa onde aprenderon a identificar algunhas das árbores máis comúns da zona. Os máis novos realizaron manualidades coas follas e os maiores plantaron algúns exemplares desas especies.

Todos eles participaron con gran entusiasmo e esperamos que esta xornada aumentara o seu coñecemento, respeto e valoración do entorno natural.

Solta de aves rapaces no regato de Nilles

O domingo 26 de xullo, pola tarde, un membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, dependente da Consellería de Medio Ambiente, levou a cabo a solta de dous exemplares de aves rapaces.

O feito, organizado pola asociación de Custodia do Territorio ”Brexa”, tivo como escenario o lugar de Vilamouro na parroquia de Tabeaio, concello de Carral.

Eran dous exemplares novos de aves rapaces, unha avelaiona (Strix aluco) e unha curuxa (Tyto alba), que foron recollidas preto daquí cando, probablemente, caeran do niño, e trasladadas ao Centro de Recuperación, onde permaneceron, ata que os veterinarios consideraron que xa estaban en condicións de facer vida autónoma.

Testemuñas, ademais do referido membro do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, membros da Asociación de Custodia do Territorio “Brexa” e un representante do Grupo Naturalista Habitat. No medio, tres nenos marabillados diante daqueles animaliños que saian dunha caixa de cartón e, despois, levantaban o vo.

Un pequeno acontecemento moi significativo polo que representa de coidado e protección da natureza. Desexámoslles unha longa vida en liberdade.

Díptico


Na última asemblea acordouse elaborar un díptico informativo que nos axudase na difusión das actividades da asociación. Unha socia, Sabela Rodríguez, fixo o deseño que se pode descargar en formato pdf .  Tamén se poden solicitar exemplares impresos por medio do correo electrónico.

Roteiro polo Rego da Ouceira

Invitados pola Xunta Rectora da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común de Castelo o día 5/07/2020, celebramos unha xornada de convivencia na que participamos membros das dúas entidades.
O punto de encontro foi diante do polideportivo de Castelo, onde o presidente da Xunta Rectora, Jesús Ferreño, nos informou brevemente sobre a historia da comunidade e tamén sobre o seu funcionamento e os seus proxectos.
A continuación iniciamos un pequeno roteiro polos terreos da comunidade subindo pola ladeira do Monte Xalo, onde puidemos apreciar as novas plantacións de castiñeiros e unha das dúas mámoas situadas dentro do monte.
Regresamos pola beira do regato da Ouceira (afluente do río Brexa), que descende cunha pronunciada pendente formando unha zona de gran valor natural.
Ao remate da actividade acordamos organizarlles unha visita aos proxectos que temos en marcha e tamén estudar a posibilidade de colaborar no futuro nalgún proxecto de conservación, posiblemente na beira do regato da Ouceira.

Colectivos Ecoloxistas activan Alerta Ambiental

Máis dun cento de colectivos, entre os que está esta asociación, presentaron un recurso fronte a Orde da Consellería de Medio Ambiente pola que se da continuidade á tramitación de case 1000 expedientes administrativos sobre proxectos con forte impacto ambiental durante o estado de alarma.
Podedes consultar o texto completo do recurso aquí.