Outra plantación con alumnado de 3º de ESO do IES de Carral

actividade febreiro 2023

O día 9 de febreiro tivemos a segunda actividade deste ano con alumnos do IES de Carral, nesta ocasión con alumnado de 3º de ESO. A semana anterior traballaron na parcela dos Muiños do Quenllo, agora tocoulle a parcela do parque dos Capelos.

Con esta xornada damos continuidade ao proxecto iniciado o ano pasado con alumnos do mesmo centro que ten como obxectivo colaborar na educación en valores ambientais. Os nenos e nenas puideron gozar dunha xornada ao aire libre e ademais plantaron 30 cerdeiras e 40 bidueiros.
Aos poucos vemos como unha área abandonada se vai transformado nun parque forestal con especies autóctonas.
Agradecemos ao alumnado e profesorado do centro o traballo feito asi como as concellerías de medio ambiente e educación do concello de Carral que colaboraron na organización e na preparación da zona de plantación.
Tamén agradecemos a colaboración do viveiro A Revolta que nos doou os bidueiros.

Plantación de árbores autóctonos con alumnado de 4º de ESO do IES de Carral.

Plantación 09/02/2023

O día 2 de febreiro realizamos unha actividade con alumnado do 4º curso de ESO do IES de Carral que xa participara o febreiro do ano pasado nunha plantación de cerdeiras no parque dos Capelos. Este ano traballaron na parcela do Muíño do Quenllo, nunha superficie duns 1000 m2. Plantáronse freixos, avelairas, ameneiros, pradairos, carballos e acivros que foron cedidas por un socio e proceden de plantas silvestres collidas na contorna.
Agradecemos ao alumnado a súa participación e destacamos o entusiasmo e iniciativa con que realizaron o traballo que supón un mellora importante no estado da parcela. O concello de Carral colaborou por medio das concellerías de Medio Ambiente e Educación e do Servizo de Protección Civil.

Xornada de voluntariado

O domingo 29/01/2023, de 10:30 a 13:30, temos unha xornada de voluntariado na parcela dos Muiños do Quenllo. Faremos traballos de mantemento nas zonas que traballamos o ano anterior.
O punto de encontro será, como habitualmente, no polígono dos Capelos a partir das 10:15.

Se queredes participar avisar por:
email: brexa.asociacion@gmai.com
tlfno: 698146685