Alumnas e alumnos do IES de Carral plantan cerdeiras

Plantación nos Capelos

O día 23 de febreiro 60 alumnas e alumnos de 3º de ESO realizaron unha actividade, organizada pola nosa asociación, na que plantaron 60 cerdeiras.
A plantación fíxose nunha parcela, propiedade do concello de Carral e situada no polígono dos Capelos, ocupando unha superficie aproximada de 2500 m2. Actualmente ten unha parte plantada de castaños, piñeiros e froiteiras pero a maior parte está ocupada por silvas e toxos. O obxectivo é transformar a zona nun pequeno bosque para o uso das veciñas e veciños de Carral.
As plantas foron cedidas polo Servizo de Montes da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.
As concellerías de Educación e Medio Ambiente colaboraron na organización e facendo unha rozadura previa do terreo coa maquinaria e persoal propios.
Tamén queremos agradecer ao Servizo de Protección Civil a súa axuda no desprazamentos do alumnado e durante a actividade.
O bo tempo acompañounos e os nenos e nenas traballaron con entusiasmo plantando, retirando lixo, polas e troncos. Co motivo da celebración do día de Rosalía léronse varios poemas.
Agradecemos o seu traballo e esperamos continuar contando coa súa colaboración no coidado destas árbores.

Xornada divulgativa sobre anfibios

A noite do pasado sábado 19 tivo lugar unha xornada divulgativa sobre os anfibios da zona da Brexa. Estivo organizada polo Grupo Naturalista Hábitat, que tamén fixera unha xornada sobre avelaíñas na mesma zona o pasado mes de Agosto. Os ingresos por esta actividade doaraos a Brexa para nun futuro comprar algunha parcela degradada e transformala nun hábitat máis diverso.
Á cita acudiron 20 persoas que desfrutaron e aprenderon das explicacións dos membros do Grupo Naturalista Hábitat.
A noite foi un éxito xa que puidemos observar 8 das 8 especies de anfibios das que teñamos constancia que viven no contorno da Brexa:

  • Sapo Raxado
  • Sapo Común
  • Limpafontes común
  • Limpafontes palmeado
  • Píntega rabilonga
  • Píntega común
  • Ra Galaica
  • Ra patilonga

Dende aquí moitas grazas a asistentes e organizadores