Díptico


Na última asemblea acordouse elaborar un díptico informativo que nos axudase na difusión das actividades da asociación. Unha socia, Sabela Rodríguez, fixo o deseño que se pode descargar en formato pdf .  Tamén se poden solicitar exemplares impresos por medio do correo electrónico.

Roteiro polo Rego da Ouceira

Invitados pola Xunta Rectora da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común de Castelo o día 5/07/2020, celebramos unha xornada de convivencia na que participamos membros das dúas entidades.
O punto de encontro foi diante do polideportivo de Castelo, onde o presidente da Xunta Rectora, Jesús Ferreño, nos informou brevemente sobre a historia da comunidade e tamén sobre o seu funcionamento e os seus proxectos.
A continuación iniciamos un pequeno roteiro polos terreos da comunidade subindo pola ladeira do Monte Xalo, onde puidemos apreciar as novas plantacións de castiñeiros e unha das dúas mámoas situadas dentro do monte.
Regresamos pola beira do regato da Ouceira (afluente do río Brexa), que descende cunha pronunciada pendente formando unha zona de gran valor natural.
Ao remate da actividade acordamos organizarlles unha visita aos proxectos que temos en marcha e tamén estudar a posibilidade de colaborar no futuro nalgún proxecto de conservación, posiblemente na beira do regato da Ouceira.